Que, por que e para que

AUGA, Autónomos de Galicia, é a organización de autónomos máis representativa do colectivo a nivel nacional, así mesmo o declara a Resolución de 3 de Xullo de 2011 do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

A día de hoxe, en Galicia, sumamos máis 217.000 autónomos, o que representa case a cuarta parte, un 23%, da poboación activa galega. A nosa unión é fundamental para afrontar a complexa situación económica pola que atravesamos e facernos máis fortes ante as dificultades das nosas vidas profesionais e persoais.

Plural, aberta e allea a calquer poder empresarial, sindical ou político, AUGA mantén como único obxectivo ser a voz organizada e común de tódolos autónomos e autónomas de Galicia para defender as nosas reivindicacións diante das administracións públicas e se nos recoñeza a importancia que temos para a economía do país.

Que temos feito

AUGA, Autónomos de Galicia, como tal, creouse a finais do 2012 pero ten alcanzado moitos logros dende o ano 2001, cando os seus mesmos profesionais pertencían á Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos, UPTA-Galicia.

Dende o seu nacemento, a súa presencia foi fundamental para conseguir dereitos e reivindicacións que dende o ano 1970 estaban sendo reclamados ou eran impensables, tales como, a exención de pago do Imposto de Actividades Económicas, a cobertura da incapacidade temporal dende o cuarto día de baixa en lugar do décimo quinto, a regulación do traballo autónomo a través do Estatuto do Traballador Autónomo, a regulación da figura do TRADE (traballador económicamente dependente), a supresión do pago obrigatorio da Cota Cameral (Cota das Cámaras de Comercio), a prestación por cese de actividade, a xubilación anticipada e o recoñecemento de dereitos sociais como a conciliación da vida familiar e laboral, a contratación do cónxuxe e os permisos de maternidade.

A día de hoxe, é moi destacable o seu fomento e apoio á elaboración da primeira Cátedra Extraordinaria do Traballo Autónomo en colaboración coa Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.